Non, non me volvín tola, prometo que conseguirei relacionar esas tres palabras ó longo desta breve entrada.
A toxoplasmosis ven a ser algo así como un dos “cocos” dos que nos falan ó longo do embarazo, e realmente, pode causar problemas moi importantes no feto.
O Toxoplasma gondii, que é o seu nome de ‘gala’, é un protozoo parásito que pode afectar a varios animais, pero é especialmente coñecido pola súa relación cos gatos, xa que son os seus hospedadores definitivos, é dicir, este bichiño trata de acabar os seus días nun gato a toda costa.
Por que lle temos tanto medo?
A toxoplasmose é unha enfermidade bastante común, só que os seus síntomas en persoas sanas son bastante semellantes ós da gripe común e a maioría das veces pasa desapercibida.
O máis habitual é que coa toxoplasmose pase como coa varicela: só a tes unha vez na vida, porque xeras anticorpos contra ela que evitan que a “pases” nunha segunda ocasión.
Pero no embarazo, non é tan inocua. Pode causar graves problemas no desenvolvemento do feto, causando un grupo de síntomas que se inclúen dentro do “Síndrome de toxoplasmose conxénita”.
O problema como tal non é que a nai se infecte, senon que se a nai se infecta xusto durante os 9 meses que dura o embarazo ou nos 6 meses previos, xa que existe en torno a un 40% de posibilidades de que o recién nacido tamén se infecte.
A diferenza doutras enfermidades, a toxoplasmosis transmítese ó feto con maior facilidade se se adquire no último trimestre de embarazo, pero pola contra, os efectos, en caso de que contraía a enfermidade, son maiores se a infección ocurre ó principio do embarazo.
Cal é o papel da matrona con respecto á toxoplasmosis?
Sobre todo, informar para previr. Porque é a ferramenta máis eficiente que temos.
E como a previmos?
Segundo a Guía de práctica clínica para a atención ó embarazo e puerperio, do MSSSI, non se debe ofrecer o cribado da toxoplasmose a toda muller xestante de forma sistemática, porén, si se recomenda ofrecer información sobre as medidas dietéticas e hixiénicas para reducir o risco dunha infección de toxoplasma.
De todas formas, no noso medio, e ata onde eu sei (pode que nun futuro actualice esta entrada se confirmo que non é así, xa que eu tamén vou aprendendo a medida que escribo estas entradas, e en ciencia nada é seguro ó 100%, polo que estas cousas van cambiando a medida que vamos aprendendo máis) en Galicia séguese cribando a todas as mulleres, é dicir, compróbase se a muller xa pasou a enfermidade, se a acaba de coller, ou se pola contra, non a pasou nunca.
Se xa houbo un contacto anterior, o risco de reinfección é mínimo. Se a acaba de coller, ofreceránselle as diferentes alternativas de tratamento individualizado. E se non a colleu nunca, temos que procurar que isto continúe sendo así.
Segundo a Guía as recomendacións son as seguintes:
-
Hai que lavar moi ben as verduras, hortalizas e froitas, pelando ben estas últimas.
-
Lavar moi ben as mans tras manipular carne cruda, mariscos, froitas, e verduras sen lavar, con auga e xabón. Lavar tamén os utensilios de cociña.
-
Conxelar a carne e cociñala para reducir o risco de infección.
-
Evitar o contacto directo das mans con excrementos de gatos ou suciedade do chan.
-
Usar guantes e lavar as mans despois de manexar terra, andar no xardín ou no campo.
Estas recomendacións son as que son porque as principais vías de contaxio son os alimentos nos que se presenta a toxoplasmose e non tanto os gatos como se poida crer, aínda que é importante manter unha serie de precaucións con estes últimos
Gatos e Nadal.
No Nadal é habitual que se regalen mascotas. As mascotas son bonitiñas e pequenas cando chegan no Nadal. E son graciosas. Pero medran, e dan traballo. E un dos motivos polos que se abandonan centos de gatos cada ano é por un embarazo posterior ás festas.
“Porque xa non poido ter o gato”.
Non me quero desviar do tema central, pero ademáis de residente de matrona son persoa, e creo importante recordar que unha mascota é unha responsabilidade de por vida, e un embarazo non debería de ser un motivo válido para abandoar a un animal (de feito, creo que non existe ningún motivo válido para iso).
Hai que ter coidado? Por suposto! Pero tendo en conta que:
- Un gato contaxiado de toxoplasmose só contaxia durante aproximadamente 1 mes.
- O que contaxia dos gatos son os parásitos que hai nas súas feces, e estas só comezan a contaxiar tras 24 horas de ser expulsadas.
- Cambiar o areeiro a diario é unha boa maneira de evitar o contaxio.
- Se o noso gato é un gato de piso que nunca saiu fora, é máis difícil que contraera a enfermidade, a menos que sexa por comer carne crúa ou mal cociñada previamente infectada, motivo polo que debemos evitar ofrecerlla. Os gatos que si saen ó xardín ou á calle si poden contraer a enfermidade.
- Podemos pedirlle a outra persoa que se ocupe do areeiro durante o embarazo ou se estás buscando un embarazo; pero de non ser posible, podes facelo con coidado, empregando guantes e lavando ben as mans con auga e xabón posteriormente.
E agora, só por ilustrar, deixovos algunhas fotografías propias de amiguiños que fun atopando polo camiño, e aproveito para deixarvos o link da Protectora de animais de Foz, por se alguen se anima a ampliar a familia, sempre con responsabilidade:
Agradecementos
Especial agradecemento ó veterinario Pablo Palmeiro pola súa axuda na redacción desta entrada.