Aquí vos deixo o último video, esta vez sobre a copa menstrual!
Por que quería facer esta entrada?
Porque creo que está pasando o mesmo cas copas menstruais que viña pasando cos tampóns hai anos. Cando eu comecei a menstruar tiven que enfrentarme a moitos prexuizos polo feito de empregar tampóns porque te atopas opinión para todos os gustos:
Dende que non son para mulleres que non mantiveran relación sexuais, que si son para mulleres que xa tiveran fillos, que si é unha cochada…
Agora que os tampóns son usados por unha gran parte da poboación feminina, a copa menstrual sufre os mesmos prexuizos que viña sufrindo o uso dos tampóns, así que vou a tratar de explicarvos en que consiste, que vantaxes ten con respecto ó uso de tampóns ou compresas na miña opinión, e cómo se usa, para que libremente decidades se vos animades a probala ou se desbotades esta opción, pero polo menos sabendo de que vai o tema.
O que temos entre as pernas.
Para empregar tampóns hai que entrar en contacto ca zoa xenital máis que se empregamos compresas, e de novo, coa copa menstrual, hai que entrar ainda máis en contacto coa nosa vulva, coa nosa vaxina, do que o faríamos cun tampón, e creo que de aquí nacen a meirande parte de tabús. Porque todas sabemos que iso de mirar ou comprobar que é o que temos entre as pernas é unha cochada…¿non? Pois non! Igual que miramos para os pés, está ben saber cómo é a nosa anatomía xenital polo que antes de comezar a falar da copa propiamente dita quero animar a todas as mulleres, vaian usar a copa ou non, a que collan un espello e exploren a súa vulva, que é súa.
Dito isto, gustariame antes de entrar en materia darlle as grazas á farmacia de Antonia Ulloa por prestarme os modelos que ensino no video.
Modelo 1 : Neste modelo temos este reborde antifugas, eu a verdade é que nunca empreguei unha copa que tivera isto pero entendo que un extra de seguridade. Tamén ten unha base, na que se deposita a menstruación, e un tallo que nos serve para retirala con maior facilidade.
Modelo 2: Este outro modelo non presenta o borde antifugas pero ten a vantaxa de que se pode repregar para levar cómodamente no bolso e foi a que eu decidin mercar.
Estes dous modelos son dunha marca concreta que non teño problema por privado en indicarvos cal é pero dicir que cada muller debe buscar a copa que máis se axuste ó que está buscando, tanto en forma, cor e presuposto. Esta valeume 30 euros, pero teño compañeiras que sei que mercaron copas por 8 euros que é o que nos valen 2 caixas de tampóns.
Estas dúas son de cor rosa e , na miña opinión, o feito de que a copa teña algunha cor pode ser vantaxoso porque as copas que son transparentes co tempo, a pesar de limpiarse correctamente, van adquirindo certa tonalidade amarillenta, que non é indicativa de suciedade nin de que se esté facendo unha mala hixiene, pero a apariencia pode levarnos a desbotala antes de que sexa preciso.
Como a colocamos?
A copa menstrual colócase na vaxina pero nunha zoa máis inferior que os tampóns. Por iso, o tallo é recortable. Unha vez colocada non deberíamos de notar a copa menstrual polo que se temos algunha molestia na entrada da vaxina pode que teñamos que recortar o tallo un pouquiño.
Imaxe obtida aquí.
Antes de colocala deberemos de lavar ben as mans, e antes do primeiro uso debemos de sumerxila en auga fervendo durante 5 a 8 minutos. Non engadades nada á auga de ferver a copa, nin lixivia, nin alcohol nin ningún outro tipo de desinfectante por que non só non é preciso, senon que podedes dañar a silicona, que está pensada para ser hipoalerxénica e para evitar que as bacterias se adhiran ás paredes da mesma.
Unha vez transcurridos eses 5 a 8 minutiños sacámola e xa podemos introducila.
As posturas que nos podemos adoptar son as mesmas que para colocar un tampón e a dirección deberá de ser a mesma, cara o coxis. De pé cas rodillas un pouco dobradas, sentada no bidé, cunha perna sobre o wc…etc
Eu recomendo introducila lixeiramente humida porque está máis lubricada e sobre todo ó principio pode ser máis doado introducila así.
Así mesmo recomendo comezar a practicar nos primeiros ou últimos días de regra cando a menstruación é menos abundante e probar cando vaiamos a estar na casa ou poner un ‘salvaslip’ por se temos algunha fuga, xa que ata que aprendemos a usala ben, pode que teñamos algún accidente…igual que pasa as primeiras veces que colocamos un tampón.
Hai diferentes formas de dobrala para colocala.
E unha vez dobrada, suxeitamola fortemente pola base e introducímola con coidado na vaxina. É posible que non o consigamos á primeira, isto require un pouco de práctica.
Como sabemos se está ben colocada?
Para estar ben colocada a copa debe facer vacío, é un método de contención da menstruación, polo que tirando un pouquiño do tallo podemos comprobar que está ben adherida ás paredes da vaxina. Tamén podemos rotala, ou introducir un dedo para comprobar que efectivamente as paredes están extendidas e en contacto coa mucosa vaxinal.
Cando a retiramos?
A meirande parte das copas venen preparadas para poder ser cambiadas cada 10 ou 12 horas, estas en concreto son para 12 horas, pero a miña recomendación é que tendo oportunidade a cambiemos cada 8 horas, unhas 3 veces no día, para evitar a proliferación de bacterias no contido da copa, ainda que como sabemos, non se adhieren ás paredes da mesma.
Só hai un caso reportado de Sindrome de Shock Tóxico polo uso de copas menstruais, este síndrome, aínda que infrecuente, é moi grave, e asociase ó uso de tampóns. Como a copa menstrual ainda está entrando no mercado hoxe en día, e posible que esta cifra aumente. En todas as copas debería de vir un manual (como o que ven nos tampóns) sobre cales son os seus síntomas, e eu recomendovos que o leades detidamente para evitar problemas. Cómo vos digo a indicencia é baixísima, pero é importante que todas coñezamos os signos de alarma, tanto se empregamos tampóns como se empregamos copas menstruais ainda que estas últimas se asocien en menor medida ó síndrome.
Como a retiramos?
Para retirala só fai falla ter un pouco de coidado e tirar do tallo suavemente. Se estamos na nosa casa vaciamola no váter, e limpiámola con auga e xabón neutro antes de volver a colocala.
Se estamos fora da casa, podemos vaciala no wc e limpala cun pouco de papel hixíenico antes de volver a colocala tendo coidado de que non quede ningún resto pegado a ela.
Antes de gardala para a seguinte menstruación debemos de fervela durante 5 minutiños en auga para deixala completamente limpa.
E se teño problemas para retirala?
Antes de nada, manter a calma, de aí vai sair, e canta máis tensión teñamos nós máis forza faremos e máis dificultaremos a retirada da copa menstrual.
- Podemos probar a romper o vacío introducindo un dediño na vaxina.
- Tamén podemos probar a sacala mentres a rotamos.
- Tamén podemos facer forza coa musculatura vaxinal ata que a alcancemos máis fácilmente e tratar de sacala cando está un pouquiño máis baixa.
E en última instancia se non somos capaces de sacala, ó igual que nos pasaría co tampón, poderíamos acudir a un centro sanitario para que nos axuden a sacala.
Como escollo o tamaño?
Como vos dicia temos dous tamaños, o pequeno e o grande, ainda que a diferencia de tamaño é mínima como podedes apreciar no video.
En principio escolleremos a pequena se nunca tivemos fillos por vía vaxinal e a grande se tivemos fillos por vía vaxinal.
De todas formas nunha muller cun suelo pélvico débil ou con moito sangrado, é posible que a grande sexa unha mellor opción; e viceversa, unha muller que tivera un fillo por vía vaxinal pero que teña pouca menstruación e un suelo pélvico forte pode que coa pequena sexa suficiente.
Desvantaxes con respecto ós tampóns
Requieren máis entrenamiento que os tampóns.
Pode resultar un pouco raro ó principio porque non estamos afeitas a ver o sangue contido.
Vantaxes
Non tes que andarte preocupando da cantidade de menstruación. Cos tampóns se tes pouco fluxo e pos un tampón demasiado absorbente a veces faste daño ó ir quítalo pola sequedade. Ademáis non contén máis productos químicos que a silicona, a diferencia dos tampóns.
É moi cómoda porque hai que cambiarse en menos ocasións que co tampón e non queda ningún fío fora da vaxina que poida molestarnos.
Ben colocada é prácticamente imposible que presente fugas ou manchados, cando cun tampón a cantidade de regra pode sobrepasar a absorción do mesmo provocándonos situación incómodas.
É moito máis ecolóxica e económica, xa que cos tampóns xeras un residuo de 20 a 30 tampóns por menstruación cos seus correspondientes aplicadores, moitas veces de plástico, mentres que unha copa menstrual ben coidada pode durarche ata 10 anos, supoñendo un aforro económico e de recursos para o planeta importantísimo.
Mitos
Si se pode usar por mulleres que sexan ‘virxes‘, mulleres que non mantiveran nunca unha relación sexual.
O himen non é unha membrana que tapiza completamente a entrada da vaxina en situación de normalidade, presenta un orificio a través do cal sae a menstruación e neste caso entran os tampóns e entra a copa vaxinal. Cos anos, ainda non mantendo relación, o himen vaise estirando deixando que ese furado sexa un pouquiño máis grande de cada vez, ó camiñar, ó facer deporte, etc.
Imaxe obtida aquí.
É unha cochada: O sangue da regra, xunto co do parto, e o único sangue que sae de nós sen supoñer unha lesión, e sin embargo parece que é ó que máis medo lle temos. Se lavamos ben as mans antes e despois e mantemos unha hixiene correcta, ó igual que con outras partes do noso corpo, non é máis asqueroso que limpar o cu despois de defecar ou orinar.
Forma parte de ser humanos, e tratar estos asuntos con máis naturalidade axudaranos a eliminar tabús e poder convivir con maior armonía cos nosos corpos.