Gústame ir adaptándome ás vosas demandas, e moitas me preguntáchedes que era iso do preparto, fase latente de parto, parto activo… A verdade é que é moita a terminoloxía que empregamos e incluso para nós pode chegar a ser confusa, xa que a clasificación das diferentes etapas é complexa polo feito de tratarse de un proceso progresivo.
En calquera caso, hoxe gustaríame deixar algunhas pinceladas sobre como clasificamos nós as diferentes etapas do parto para axudarvos a comprender mellor de qué falamos cando vos explicamos porqué sería mellor que vos quedásedes ou non no hospital.
Recordade que o voso corpo está preparado para superar o parto, aínda sen coñecer toda esta terminoloxía! Durante o parto, deixarse levar pola propia natureza do evento é máis importante que ter claro en que fase do proceso se está.
Primeira etapa: A dilatación
O cérvix, cuello do útero, ten que ir facéndose máis fino (borrándose) e ten que ir abríndo (dilatando) para permitir o paso do bebé polo canal do parto.
Podedes observar nesta imaxe de arriba o que nós tactamos para comprobar cómo está evolucionando a dilatación, o borramento, a consistencia e a posición do cuello do útero.
Como vos dicía no anterior post o principal consenso consiste en indicar que estamos ante un traballo de parto se hai entre 3 e 4 contraccións en 10 minutos, cunha intensidade similar, a dilatación é de 3 cm, o cuello do útero está borrado (finiño, como se ve na imaxe de abaixo á esquerda), centrado (posicionase dende atrás hacia diante) e brando (consistencia branda que permite a dilatación).
Durante esta etapa polo tanto o noso corpo está preparándose para deixar paso ó bebé, que á súa vez se vai encaixando máis e máis na pelvis materna.
E probable que durante esta etapa nalgún momento a bolsa amniótica rompa e comece a sair líquido de forma continua a través da vaxina, especialmente con cada contracción. Pode ser un pouco incómodo, pero se o color é transparente non hai ningún motivo de alarma.
Ó romper a bolsa tamén é posible que comecemos a notar as contraccións con maior intensidade porque xa non temos a amortiguación da mesma entre a cabeciña do bebé e as nosas estructuras pélvicas.
‘E se non me rompe a bolsa?’
Tranquilidade. En principio, non hai que facerlle nada, nin rompela. Sempre que o parto evolucione con normalidade pódese esperar a que a bolsa rompa de forma espontánea, incluso pode chegar a nacer coa bolsa íntegra!
É o que se chama popularmente un parto velado, pero son moi infrecuentes.
Aquí podedes ver un video dun parto velado
O paso de fase latente a fase activa é un proceso progresivo, no que a regularización das contraccións se vai facendo patente, de forma que estas resultan máis eficientes.
‘A dilatación doe?’
As contraccións ou dilatacións, habitualmente, e no noso medio, doen. Por iso unha das principais pesquisas das matronas ó largo da historia foi como fomentar o alivio da dor nas mulleres para que o seu parto fora unha boa experiencia en conxunto.
A cadea habitual dentro dun parto natural de dor-repouso-dor ten moita máis importancia da que a primeira vista poida parecer.
A dor intermitente fai que a muller teña picos de estrés agudo, liberando catecolaminas (substancias que se liberan en situacións de estrés, cómo por exemplo, cando temos dor, cando necesitamos escapar de algo,…a adrenalina ou a noradrenalina son exemplos de catecolaminas), que fan que se produza unha resposta oxitócica paradóxica (a oxitocina é a hormona que se encarga de que o traballo de parto avance, entre outras cousas) e unha liberación de endorfinas, que son as substancias naturais para o alivio da dor: analxésicos naturais.
Estes períodos de repouso sen dor entre contraccións son de vital importancia, porque son os momentos nos que a muller ten que deixarse levar, e descansar. Se mantivera a mesma tensión que durante as contraccións, liberaríanse catecolaminas de forma continua, inhibindo a producción paradóxica de oxitocina endóxena, e de endorfinas.
Este é un dos motivos polos que se espera a que o parto esté en fase activa para colocar a analxesia epidural, para evitar a interrupción de este proceso que se está poñendo en marcha.
Cando a maquinaria xa está “a todo tren”, é dicir, cando a fase activa do parto se desencadeou, a colocación da epidural non ralentiza a fase de dilatación.
Na próxima entrada falarei polo miudo dos diferentes métodos analxésicos, naturais e non naturais, que coñecemos ata agora.
A segunda etapa do parto: o expulsivo
Tenme pasado nunhas cantas ocasións, que ó comentarlle a unha parexa que a muller xa está en dilatación completa, o pai se apura a ir ó wc, por se non lle da tempo a ver nacer ó seu bebé…
Gústame botarlle a culpa disto ás películas, xa que faría falta unha moi longa para narrar todo un traballo de parto e pouca xente a vería.
Se ben é certo que hai algún parto cun expulsivo rapidísimo, o máis habitual é que leve un anaco.
Non me gusta falar de tempos, cada muller é un mundo, teño visto expulsivos de 4 horas e expulsivos de 2 minutos.
Que che vai a tocar a ti? Non o sabemos.
O mellor é comezar a puxar cando se note esa sensación de ganas de empuxar, unha sensación irrefrenable. Se pola epidural non percibes ben esa sensación ou non notas as contraccións, nós colaboraremos contigo para que sepas cando é o mellor momento para empuxar.
A veces recomendamos esperar un anaco (en torno a unha hora) se a dilatación é completa pero a nai ainda non percibe a sensación de puxo para que a cabeciña vaia descendendo progresivamente, e a nai comece a puxar cando o bebé xa está máis preto da saída e note máis ganas de empurrar, de forma que non se canse innecesariamente.
E como é esa sensación?
De novo, cada muller é única, pero si é certo que coincide que a maioría a describen como ganas de defecar. Por pouco poético que sone.
Cando unha muller te chama porque precisa con urxencia defecar…normalmente é outra cousa o que está querendo sair.
Outro día farei outro post sobre as cacas durante o parto, que é algo que tamén sei que preocupa a moitas mamás, e moitas me pediron. Xa vos adianto que: é normal facer caca durante o parto, énos útil que fagades caca durante o parto e é beneficioso para o bebé que a mamá faga caca durante o parto.
Vou a recordar que en todo momento estou a falar dun desenvolvemento normal, eutócico, do traballo de parto, para falar do seguinte punto: a episiotomía.
Creo que se merece tamén unha entrada propia, por ser tema controvertido, discutido, e técnica moi temida por moitas nais.
Dependendo de a qué organismo consultemos, atoparemos indicación para realizala ou non moi diversa. O que sí que está claro é que non se debe de facer de rutina. Isto é: non se debe de facer en todas as mulleres crendo que así o seu periné vai a sufrir menos, porque se demostrou que aumentaba a incidencia de desgarros de maior gravidade.
Entón vou a desgarrar durante o parto?
Algunha pequena lesión é habitual que se presente: acaba de pasar un bebé enteiriño por aí, pero…a palabra desgarrar asústame ata a min. E na maioría dos partos os desgarros son mínimos (clasifícanse en grados, de menor a maior do grado I ao grado IV), grados I e grado II, sutúraos a matrona tras o parto se é preciso, para aproximar os bordes (se a muller percibe a zoa por estar sen epidural, pódese administrar anestésico local) e acostuman a cicatrizar sen maior problema e sen facer grandes curas: basta con manter a zoa limpa e seca. Ainda que son pouco habituais, se se da un grado III ou IV chamaremos á nosa compañeira xinecóloga para que o resolva. Volverei sobre este tema en seguintes entradas.
NACE O BEBÉ
Noraboa mamá!
Se todo está ben, e ámbolos dous estades en boas condicións, o mellor tanto para ti como para o teu bebé é que cho coloquemos sobre ti. Espido, manchado, e recién recién nacido.
Que vos ulades, vos conozcades, o biques,…que escoite o teu corazonciño por primeira vez dende fora, pero ben pegadiño a ti. O teu calor corporal manterao quente, e nós colocaremoslle unha toalla encima para secalo e que non se enfríe.
Que ninguén se asuste! Os recién nacidos non nacen como nas fotos dos anuncios de pañais! Non son rositas, e venen cun lazo, normalmente traerán na pel restos de sangue, unha especie de “manteiga“, que é o vérmix caseoso, que os protexía e segue a protexer, como unha crema superhidratante, restos de líquido amniótico, igual algo de caca negra (meconio)… E nós como moito quitaremoslle a caca e limparemoslle un pouquiño a cara. Pero non é bó que os lavemos inmediatamente, enfriaríanse, dificultaríamos a lactancia, desprotexeríamoslle a pel…
Thinkstock
Nese momento ainda que xa comeza a respirar, segue a pasarlle sangue a través da placenta.
Se todo está ben, e non queres realizar doazón de sangue de cordón, esperaremos a que pare de latir o cordón, momento no que xa non pasa máis sangue cara o bebé.
Por que esperamos? Porque se demostrou que mellora os depósitos de ferro do bebé ós 6 meses, ese pouquichiño de sangue que lle pasa, para un bebé tan pequeniño, marca a diferenza.
O alumbramento: a saída da placenta
–Agora todavía falta a placenta non?
-Si, pero tranquila, que iso non é nada.
As guías actuais recomendan o manexo dirixido da saída da placenta, isto é, administrar unha dose de oxitocina para que a placenta se desprenda antes, e así a nai, sangue menos.
A placenta é un órgano formado co mesmo material xenético que o bebé e que se encargou durante unhas 40 semanas de mantelo con vida. Agora xa non é útil, e ténse que desprender do útero da nai para sair, axudándo á súa vez á producción de leite materno (mira que estamos ben feitas!).
Todos os vasos que antes estaban conectados á placenta, agora deixarán de estalo, e o útero ten que volver ó seu sitio (contraerse) para pechar todos esos vasos.
Cando a placenta saía é normal que notes certa presión, pero nada que ver coa presión do expulsivo.
Nós revisarémola para asegurarnos de que saíu completamente e non quedou ningún anaco dentro, o que podería provocar que o útero non se contraese correctamente e se presentase un sangrado.
Sangue, sangue, sangue…si, nun parto hai bastante sangue. Ata 500ml considérase normal durante un parto, así que non vos asustedes ó vernos tan tranquilas con toda esa sangue nas mans. Se é demasiado, tomaremos medidas.
Unha vez rematado este proceso, pasamos á seguinte etapa: o puerperio inmediato.
Xerar unha relación de confianza co profesional que nos asiste é esencial para que todo se desenvolva con normalidade, e a información que poidamos ter de antemán é unha ferramenta moi útil, pero debemos recordar que non substitúe a toda a información que nos poidan ir dando durante o noso traballo de parto. Isto só son directrices xerais, pero como cada proceso é único, en certas ocasións haberá indicacións e particularidades ás que os profesionais tamén debemos atender, sempre informando á muller e co seu consentimento.