A partir do século XVIII o parto deixou de ser un fenómeno natural e fisiolóxico para pasar a formar parte da carteira de servicios dos hospitais de forma progresiva. Isto permitiu que se salvasen miles e miles de vidas daquelas mulleres con problemas para parir, ou con algunha patoloxía previa que poñía en perigo a súa saúde e a do seu bebé.
Así mesmo, a mellora nas condicións hixiénicas e nutricionais mellorou a saúde das mulleres embarazadas de forma sustancial, diminuíndo o seu risco para desenvolver complicacións na súa xestación; e a detección temperá das patoloxías permítenos limitar o seu impacto.
Pero todo implica uns “pros” e uns “contras”, e a medicalización do parto non é allea a esta lei.
O feito de trasladar o parto ós hospitais implicou que a visión do mesmo fose mudando, chegando a convertirse case nun mero trámite e nun acontecemento vivido con pánico.
Algunhas mulleres desexan chegar ó hospital e que os sanitarios fagan ‘maxia’ e lles entreguen a un bebé limpiño e vestido, nunha hora, e o certo é que un parto non é nin moito menos iso. Esta visión do parto pode ser tremendamente perigosa, no sentido de que unha muller que quere que “teñan o bebé por ela” é unha muller indefensa; unha muller que non vai a informarse dos procedementos que se van a levar a cabo e en definitiva, que se está deixando nas mans dos profesionais, que deben decidir por ela.
Unha muller desinformada terá medo e o medo é o peor inimigo dos partos.
Pensade por un momento nos animais. Se algunha de vós tivo a sorte de ver o nacemento duns gatiños, ou de calquera outro animal, observaría que estes tenden a refuxiarse para parir. É excepcional que o fagan “no medio da nada”, onde calquera depredador podería aparecer e matalas, a elas e ás súas crías. O máis habitual é que os animais esperen incluso á caida da noite e busquen a máxima tranquilidade para que se poñan en marcha os mecanísmos que desencadenarán que teñamos no mundo algunha que outra nova vida.
Creo que isto ten moito que ver coa nosa falta de poder. Cremos que nós non sabemos, que nós non temos ese poder de decidir, e de novo, que nós non podemos. Non podemos parir. Necesitamos que nos axuden. E o certo é que non é así. Non na inmensa maioría dos partos.
Eu sempre digo que nós só “estamos por alí”, por se pasa algo. Porque é certo que os partos pódense complicar. Poden poñer en risco a vida da nai e do bebé.
Calcúlase que aproximadamente 830 mulleres morren ó día no mundo por problemas relacionados co embarazo e co parto, máis do 99% destas mulleres viven en países en vías de desenvolvemento, cunhas condicións hixiénico-sanitarias moi limitadas, e cuns controis do embarazo canto menos pobres.
O parto polo tanto é un momento crítico no que unha adecuada atención pode salvar moitas vidas.
Pero tamén é un momento crítico no que se xeran vínculos esenciais na vida desa nova familia que se forma: o bebé por primeira vez respira, por primeira vez mira á cara de súa nai, por primeira vez mama, por primeira vez escoita o latido do corazón dende fora,… e a nai por primeira vez ve esa cariña que leva 9 meses imaxinando, e xerase nela un instínto de protección sobre a súa cría que a levará a coidar dela pase o que pase.
E para que isto ocurra, tamén hai moito que facer. Tanto como para salvar vidas. Porque que as vidas sexan sanas (en todas as dimensións) é tan importante como que as vidas sexan.
É certo que o que máis quere toda muller embarazada é un bebé sano. Pero, sen ningún pero? Asumindo calquer prezo?
Durante moitos anos a atención hospitalaria baseouse nun “todo por el paciente, pero sin el paciente” que pouco a pouco se vai modificando. A Ley 41/2002 do 14 de novembro básica reguladora da Autonomía do Paciente foi un importantísimo avance a nivel legal que nos deixaba claro a todos que o poder de decisión reside no paciente. As transicións son complicadas, pero a día de hoxe quero pensar que a meirande parte dos profesionais sanitarios temos claro que a nosa función é a de asesorar con respecto as diferentes opcións terapéuticas (ou non terapéuticas no campo que tocamos hoxe) para que aqueles a quenes atendemos decidan de forma libre qué queren que pase cos seus corpos.
Con esta idea naceu o Plan de parto e nacemento.
Empoderamento.
Pode que a primeira vez que alguén vos fale nunha consulta do plan de parto vos ensine unhas follas para rechear con cousas como “quen queres que te acompañe durante o teu parto?” ou “enema si ou enema non”. Non vos tomedes o Plan de parto coma un mero trámite que debades cumplimentar sen pensar, debería ser a vosa referencia para comezar a valorar cómo pode ser o voso parto, que riscos pode haber, que decisións vades a ter que tomar, e porqué vades a tomalas.
Pode que teña dor durante o parto,…como vou a xestionalo? De que ferramentas dispoño? Hai métodos farmacolóxicos e non farmacolóxicos? Pode que queira poñer a epidural,…que riscos ten? Teño que cumplir algún requisito?
Sorprenderíavos saber a cantidade de veces que ó ir poñer o suero previo á epidural (un suero limpo que se pon para manter a tensión porque a epidural pode baixala) as mulleres me preguntan que si eso é xa a epidural! Como permites por escrito algo que non sabes en que consiste?
Gustaríame empregar bañeira durante a dilatación, creo que podería virme ben… no meu hospital de referencia hai bañeira? Cal é a súa política con respecto á mesma? Poido ter o meu expulsivo na bañeira ou só a dilatación? Que posibles inconvintes ten?
No documento do Plan de parto e nacemento do SERGAS recóllense algúns dos aspectos máis importantes sobre os que deberíades reflexionar e informarvos. Os profesionais só queremos acompañarvos neste día tan importante e estaremos atentos por se algo se sae do “normal”.
Nalgúns hospitais púxose en marcha unha consulta de Plan de Parto, noutros ofrécese unha charla ás mamás que queiran asistir e noutros ofrécese información sobre o mesmo nas consultas de Atención Primaria. Nunca substitúe á información que vos daremos os profesionais durante a atención ó parto, pero é preciso que haxa unhas “bases” previas á chegada ó paritorio, xa que nese momento os nervios e a falta de tempo xogan na nosa contra.
Porque, e se teño unha cesárea, poderá o pai facer contacto pel con pel? Poido dar o peito de todas formas?
As dúbidas son moi diversas.
Así mesmo, o feito de que ós profesionais se nos empezase a cuestionar, fíxonos replantearnos o paradigma da atención hospitalaria ó parto. Froito disto a atención de hoxe en día dista moito daquela do século pasado. Porque todo se mellora, e pouco a pouco entre todos iso é o que queremos: limitar aquelas accións innecesarias para permitírvos ter un parto seguro e humano. Humano, precisamente permitíndonos ser un pouco animais, deixando de tecnificar o que non é preciso tecnificar e intervir únicamente cando sexa imprescindible para garantir a vosa seguridade e sempre respectando a vosa opinión.
Cando non se pode cumplir algún dos puntos do Plan de parto da muller, como pode suceder nunha situación de urxencia, sempre se deberá manter á muller informada dos motivos polos cales se tenen que tomar decisións contrarias a priori co que aporta no Plan.
Ó longo das seguintes entradas iréivos contando punto por punto que é o que sabemos ata agora para que vós sexades as que tomedes as decisións que consideredes oportunas.
Cada muller e cada parto é único, e así o son as decisións sobre o mesmo.
Porque o corpo é voso. E o parto tamén.