Hoxe apetéceme contarvos unha historia que me contou a matrona ca que estou aprendendo estas semanas no centro de saúde que me encantou.
Esta matrona leva moitos anos no exercicio da súa profesión, polo que viveu moitísimos cambios e non só me está formando, senón que me conta un montón de anécdotas e historias, algunhas moi curiosas, como esta que quero compartir con vós.
Nunca se me ocurrira pensar no que pasaba coas mulleres que vivían en illas e se quedaban embarazadas!
Pois resulta que en Galicia, polas particularidades da nosa xeografía, algo tiñamos que facer naquela época na que as comunicacións non eran tan doadas.
A Illa de Arousa, cos seus 36 kms de costa, situada na provincia de Pontevedra, ata o ano 1985 non estaba unida á Península Ibérica, polo que os viaxes realizábanse en barco.
Os galegos saberano, e ós de fóra vóullelo contar: aquí temos moito mar. Moito mar quere dicir que cando hai temporal, viaxar en barco non é algo doado nin especialmente seguro, e non é unha condición que só se de por aquí unha vez ó ano.
Polo tanto, antes da construcción dos preto de dous kilómetros que unen a illa co resto de Galicia, as mulleres que podían estar preto de dar a luz (a término), eran traidas a Pontevedra en barca antes de que chegara o temporal.
Aquí, no Hospital Provincial, pasaban días e días, varias veces ó ano, aínda non estando de parto, porque, se xa habitualmente non era unha viaxe doada, estando de parto, a travesía en barco con temporal podía ser, canto menos, perigosa.
A matrona contoume que eran días moi amenos, xa que entre elas coñecíanse todas, e facían unha boa comunidade dentro dos pasillos dos hospitais falando e comentando as súas vivencias como futuras mamás.
Cando o temporal pasaba, se non se puxeran de parto, voltaban á casa a esperar as contraccións.
Eu son Lidia.
Gústame camiñar polos pasillos dos hospitais vestida normalmente de azul e acostúmo a encherme de sangue en cada garda. Pero a diferenza do resto do hospital, eu estou nun lugar máxico, no que o sangue significa vida.
Ese lugar chámase paritorio, nel aprendo a acompañar ás mulleres nos nacementos dos seus fillos e fillas. Para min cada nacemento é único, e disfruto acompañando a cada unha das mulleres que me permiten ser partícipe de algo tan marabilloso como é a chegada dunha nova vida ó mundo.
Cada día aprendo cousas novas, aprendo e reflexiono. E iso é o que veño a contar aquí.
Ver máis entradas